Saturday 20 de April de 2024

O Concello de Abegondo distingue ao pequeno Xabier Morandeira, campión de España de tiro olímpico


• O alcalde recibiu ao deportista no salón de plenos e trasladoulle o recoñecemento pola súa proeza

O Concello de Abegondo celebrou no mediodía de hoxe o acto de recoñecemento oficial a Xabier Morandeira Lodeiro, o pequeno que se proclamou a semana pasada Campión de España de Tiro Olímpico. O mozo veciño foi recibido no salón de plenos polo alcalde, José Antonio Santiso, que distinguiu en nome dos veciños a “proeza” do deportista.

O pequeno acudiu acompañado da súa nai, a súa irmá pequena e os seus padriños. No acto, o alcalde fíxolle entrega dunha figura de cristal cun cruceiro típico de Abegondo debuxado dentro e unha placa cunha dedicatoria.

Xabier, de 10 anos de idade, logrou o campionato estatal de tiro olímpico en Murcia, batendo un récord de puntuación na modalidade de aire comprimido, categoría alevín con apoio. Actuou representando á Federación Galega de Tiro Olímpico e bateu aos case 20 opoñentes chegados de varias rexións españolas.

“Eu só ía a pásao ben e, de súpeto, quedei como campión de España”, explicou Xabier, que confesou estar “moi ilusionado” polo título e tamén polo recoñecemento.
Pola súa banda, Santiso deulle o parabén, mostrouse orgulloso por “ter outro campión de España en Abegondo” e lembrou que o Concello conta cunha liña de subvencións para os deportistas do municipio, axudándolles a sufragar os gastos que xeran as competicións nas que participan.